Saturday 04 de May de 2024

Concello e Editorial Xerais ratifican cun novo convenio a súa colaboración no certame de novela curta cidade de Riveira


Durante a presentación de “Un home extraño” de Antonio Tizón

O salon de plenos do consistorio abriu as súas portas a todos os veciños que quixeron asistir á presentación oficial da última obra gañadora do Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira: “Un home extraño” de Antonio Tizón, que vén de ser editada por Xerais.

Precisamente, o novo director deste selo, Fran Alonso, participaba onte na presentación na nosa cidade no que é o seu primeiro evento público ao timón da histórica editorial, continuando o labor de Manuel Bragado, sobre o que os distintos comparecentes tiveron palabras de afecto.

No transcurso do acto, Fran Alonso e o alcalde Manuel Ruiz asinaron un novo convenio para continuar coa colaboración entre as dúas entidades mediante a publicación da próxima novela que gañe o concurso riveirense: a sétima tras “As mellores intencións”, de Begoña Paz; “Vertixes”, de Ignacio Silva; “Orlando Pendurado”, de Goretti Fariña; “Liña azul”, de David Pobra; “A Cacería”, de Amadeo Cobas e, agora, “Un home extraño” de Antonio Tizón.

Novela mulata
Antonio Tizón, nado en Aranga en 1960, manifestou que comezou a escribir esta novela fai máis de 40 anos, en 1974, e dende entón experimentou moitísimas transformacións e vicisitudes, mudando o seu xénero ata acabar por ser, máis que novela negra, “novela mulata”. A trama sitúase en 1980 na Coruña, “un ano no que vivimos perigosamente” e emprega dous narradores con dous estilos normativos distintos.

O libro incluíu un curioso apéndice de máis de 80 páxinas titulado “Un home extraño que canta” que non estaba no texto orixinal.

Fran Alonso cualificou a Tizón como “unha das voces máis orixinais da narrativa galega dos últimos anos” e sobre a novela salientou que é “un coctel literario moi saudable ao facernos vivir circunstancias que non podemos vivir por nós mesmos”. Tamén declarou que Xerais vai seguir apostando polo certame de novela curta riveirense tal como fixo xa dende a primeira edición.

Tamén o alcalde Manuel Ruiz expresou a súa esperanza de que prosiga esta “frutífera colaboración” entre Xerais e o Concello.

Na mesa tamén estiveron sentados a concelleira de Cultura, Herminia Pouso, e o senador José Luis Torres Colomer, quen fora alcalde cando se impulsou este certame literario con ocasión da celebración do centenario da declaración de cidade.

O acto finalizou cunha sinatura de exemplares a todo o que así o quixo.